A POESÍA DE POSGUERRA (2): Celso Emilio Ferreiro

Como xa vos adiantei a semana pasada, imos ver algúns poemas desta etapa para entender como se conformaba a poesía da posguerra.

Un dos autores máis representativos é Celso Emilio Ferreiro (páx. 202-203 do libro), do que vos deixei un vídeo nesta entrada anterior. Celso Emilio é o poeta social por excelencia nese momento, porque recupera a liña combativa na súa poesía, seguindo a Curros, Rosalía ou Cabanillas. Ides coñecelo máis a través de catro poemas que hai no libro. Lédeos e seguide a explicación que vos dou para entendelos mellor.



Na súa poesía social denuncia as inxustizas, expresa a súa solidariedade coas persoas e cos colectivos oprimidos e amosa un compromiso antibelicista (contra a guerra) e antifascista (contra a ditadura).

Na páxina 205 do libro tedes dous dos seus poemas sociais máis coñecidos, que forman parte da obra Longa noite de pedra (1962).

- "Longa noite de pedra" é un poema que simboliza os corenta anos ('longa noite') de ditadura ('de pedra').
A noite é un símbolo de escuridade que representa desamparo, soidade, medo... fronte á luz, símbolo da razón e da cultura. A pedra, palabra que aparece seis veces, simboliza frío, dureza fronte ao sufrimento alleo, imposibilidade de fuxida, insolidariedade, indiferenza. O seu poder esténdese a todos os elementos que o rodean: as reixas, as portas, as cadeas, as olladas, os corazóns.

- "Deitado frente ao mar" é un poema de defensa da lingua galega.
Nel Celso Emilio caracteriza a súa lingua: 'lingua proletaria' (lingua da clase traballadora), 'fala nai' (a nosa lingua propia, dos devanceiros). Tamén amosa un compromiso coa lingua e as razóns/sentimentos que explican o seu uso: 'eu fáloa porque si, porque me gusta, / porque me peta, [...] porque me sai de dentro'; e critica a todos os que a desprezan e a rexeitan: 'os soberbios', 'os ruíns e poderosos', 'finchados' (inchados), 'baleiros', 'estúpidos'.
A partir da defensa da lingua, tamén denuncia as inxustizas sociais e a opresión que sofren os máis desfavorecidos: 'tódolos que sofren neste mundo'. Eles son os destinatarios da súa mensaxe.

Podedes escoitar esta versión que fixo Dios ke te crew do poema:


Non podemos esquecer a súa poesía intimista na que expresa o seu desacougo existencial, lembra o pasado feliz, amosa a nostalxia pola terra natal (Celanova), reflexiona sobre a fugacidade da vida, o amor, a morte...

No poemario Onde o mundo se chama Celanova (1975) Celso Emilio dedica quince poemas á súa compañeira Moraima: "Moraima: Diario de a bordo". O que hai na páx. 204 é un deles: "Xaneiro, 1972, II". Neste poema de amor expresa a importancia que ten ela na súa vida e a composición xira en torno ao nome da namorada, Moraima, que se converte nunha palabra máxica ou nun talismán.  O nome de Moraima tráelle sempre cousas positivas: esperanza, sorrir, calma, soñar... Axúdalle a eliminar todos os malos momentos e achégalle paz e felicidade.
Nas catro primeiras estrofas do poema expresa todo o bo que procede de Moraima. Estas catro primeiras estrofas son idénticas na forma (6 versos paralelísticos, repítese a estrutura). Na quinta estrofa fai referencia a todo o negativo que supón a súa ausencia e a estrofa é formalmente distinta, ten só catro versos.


Outro dos poemarios intimistas é O soño sulagado (1955). No poema "Moi lonxe" (páx. 206) Celso Emilio expresa o seu vínculo coa paisaxe natal e amosa unha saudade do pasado, o paraíso perdido. Presenta un sentimento de desterro e de imposible retorno. Ao longo do poema repítese, a xeito de refrán, o afastamento do eu poético: 'lonxe, lonxe, lonxe'. Trátase dun afastamento no espazo (de Celanova) e afastamento no tempo (da infancia). Este verso expresa ben a dor e a desolación do poeta.
Neste poema hai tres partes:
a) Versos 1-12: os outeiros (1ª estrofa), o río (2ª estrofa) e a vila (3ª estrofa). Celanova preséntase nunha visión panorámica, de lonxe a cerca. Primeiro o poeta olla ao lonxe, logo concentra a súa ollada no río e remata cun percorrido polas rúas e edificios da vila.
b) Versos 13-16 (4ª estrofa): sentimento de saudade, o paraíso perdido da infancia. O pasado permanece no presente e intensifica a dor.
c) Versos 17-20 (5ª estrofa): non se pode volver atrás, o pasado é irrecuperable.


Comentarios