Esta semana estariamos preparando nos centros de ensino galegos a Semana das Letras Galegas. Como non podemos facelo con normalidade, sempre nos queda a vía telemática, así que estes días imos traballar arredor da figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor escollido pola Real Academia Galega para dedicarlle as Letras Galegas 2020.
Antes de nada... O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio. Recordas por que? En 1963 na RAG celebraron ese día o centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, e os anos seguintes, continuou a manterse ese día.
Para coñecer o autor homenaxeado, ides realizar as seguintes tarefas ao longo desta semana. Cando as rematedes, enviádemas por correo electrónico para que volas corrixa:
TAREFA 1. Visionado deste vídeo sobre Carvalho Calero. A continuación, ides responder as preguntas que vos poño debaixo.
a. Cando e onde naceu Carvalho Calero? Que foi na USC?
b. Que lle ocorre ao chegar a Santiago? Cal era o obxectivo desta institución? Que papel exerceu no grupo?
c. Onde traballou ao voltar a Galiza?
d. Que xéneros literarios traballou?
e. Que obra súa se publicou en 1951? Por que destacou?
f. Que publica Galaxia en 1971? Cal destas catro pezas foi a máis representativa?
g. Que ocorre na súa vida en 1972?
h. Que publica en 1966 a Editorial Galaxia? A quen ía dirixida esta publicación?
i. Que premio acadou Carvalho en 1987? Con que novela?
l. Como foi a vida de Carvalho Calero en palabras da súa filla?
TAREFA 2. Nos anos 70, co remate da ditadura franquista, retómase o proceso de normativización da lingua galega, que quedara paralizado ao prohibirse durante o franquismo o uso da nosa lingua. Normativizar consiste en elaborar unhas normas ortográficas, gramaticais e léxicas que constitúan a lingua estándar (a variedade común a todos os falantes, utilizada en contextos formais e descrita en dicionarios e gramáticas). Non debes confundir "normativización" (=norma) con "normalización" (=normal), xa que esta última é o proceso polo que unha lingua recupera espazos dos que fora desprazada, volve á normalidade.
Este proceso deu lugar a un profundo debate sobre cal debía ser a norma escollida, que finalmente foi a que defendían os autonomistas, que consideran o galego como lingua autónoma e independente do portugués. Pola contra, Ricardo Carvalho Calero é unha das figuras máis representativas do reintegracionismo. Esta corrente defende unha aproximación entre o galego e o portugués, tamén na escrita, xa que ambas as linguas teñen unha vinculación histórica e esa maior proximidade permitiría abrir a lingua galega á comunidade lusófona, a máis de 200 millóns de persoas que falan portugués no mundo.
Imos ver cales son os países e rexións da lusofonía coa seguinte actividade. Identifica o país ou rexión que se corresponde con cada número (escribe o nome en lingua portuguesa), cal é a súa capital e o continente no que se atopa. Tes a axuda das bandeiras e ademais podes consultar o teu libro de texto (busca no índice onde pode estar esa información).
TAREFA 3. Hai moitos prexuízos asociados á lingua galega, sentimentos negativos que algunhas persoas teñen sobre unha lingua ou os seus falantes. Fíxate na seguinte viñeta e contesta as preguntas.
a. Que prexuízo manifesta o personaxe de negro? De que forma trata de desmontar esa idea o outro personaxe?
b. Indica que vantaxes ten para ti falar unha lingua coa que podes comunicarte con persoas de tantas culturas.
TAREFA 4. O galego e o portugués teñen a mesma orixe, como demostran por exemplo as cantigas medievais. Cando Portugal conseguiu a súa independencia os dous idiomas seguiron camiños distintos, o portugués converteuse nun dos idiomas máis falados do mundo e o galego pode estar en vías de desaparición. O reintegracionismo, a corrente que apoiaba Carvalho Calero, defende unha aproximación ao portugués como unha maneira de evitar esa desaparición.
Que opinas de iniciativas como o ingreso de Galiza na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP), de impartir a materia de lingua portuguesa nos centros de ensino galegos e de que o galego teña a oportunidade de se aproximar á ortografía do portugués como vía de subsistencia e así poder abrir un novo abano de relacións mesmo internacionais cos países lusófonos? Realiza unha reflexión (mínimo 5 liñas).
Para axudarte na túa reflexión, podes ter en conta estas imaxes e este vídeo no que Carvalho Calero reflexiona sobre o porvir da lingua.
TAREFA 5. Imos coñecer a obra deste autor. Cultivou diversos xéneros: narrativa, ensaio, teatro, poesía. A continuación podes ler un dos poemas de Carvalho Calero: "Pido talvez o que nom podes dar-me". Está escrito en galego reintegrado, polo que che deberías visionar antes este vídeo no que Eduardo Maragoto (presidente da AGAL, Associaçom Galega da Língua) explica como lelo (a partir do 1.46', aínda que podedes velo enteiro):
Nesta ligazón, podes atopar o audio versión musicada do poema por Marful:
A continuación, contesta as preguntas.
Pido talvez o que nom podes dar-me.
O que talvez ninguém
pode dar-me. Isso pido.
Mas se tenho necessidade
desse alimento, pouco consolo é
para a minha fame que tal grao
nom se dê nas estepas desta terra.
Pede-lhe a quem me pujo neste mundo
o pam que deveu pôr-me baixo o braço
cando nacim.
Umha liçom de geografia económica
nom é farinha para o coraçom.
Carvalho Calero, Ricardo, Reticências... (1986-1989), Barcelona, Sotelo Blanco, 1990.
a. Despois de escoitar a Eduardo Maragoto, en que palabras identificas o galego reintegrado? Escríbeas e indica como cres que se pronuncian.
b. Como cres que se sente a voz poética? Xustifica a túa resposta.
TAREFA 6 (actividade de ampliación, non obrigatoria, non hai que entregala). Sabes o que é un escape room? A continuación déixovos dous sobre Carvalho Calero, un para Primaria e outro para Secundaria, para que fagades nun anaco que teñades libre para pasar o tempo, xa que son entretidos. Recoméndovos facer o de Primaria en primeiro lugar, o de Secundaria é complexo. Tamén vos recomendo ter lapis e papel ao lado. Eu xa os fixen, polo que se vos atascades nalgún paso, podo botarvos unha man.
- SECUNDARIA https://patrifulca.wixsite.com/xogoletras20/1-comezo
Máis información sobre a lusofonía:
Comentarios
Publicar un comentario