O VERBO (4º ESO B E C)

Para o repaso do verbo tedes información a partir da páxina 8 do apéndice gramatical do libro.

Para empezar, debedes recordar os tempos verbais (son menos que en castelán, porque en galego non hai tempos compostos).

  • No modo indicativo temos os tres tempos básicos: presente, pretérito (perfecto) e futuro. A estes hai que engadir outros tres: copretérito ou pretérito imperfecto, antepretérito ou pretérito pluscuamperfecto e condicional. Podedes empregar a denominación que vos resulte máis familiar.
  • No modo subxuntivo temos tamén os tres tempos básicos: presente, pretérito (perfecto) e futuro.
  • Ademais, debemos engadir o modo imperativo.
  • Tamén o infinitivo conxugado.*
  • E as formas nominais: infinitivo, xerundio e participio.
O futuro de subxuntivo e o infinitivo conxugado son iguais nos verbos regulares (infinitivo do verbo + desinencias correspondentes). Nos verbos irregulares o futuro de subxuntivo fórmase coa raíz irregular máis as desinencias (por exemplo, souberdes), mentres que o infinitivo conxugado se forma coa raíz regular (saberdes).

É moi importante que antes de poñervos a facer os exercicios, teñades claros cales son os tempos verbais (tedes as táboas de verbos no apéndice gramatical, tanto de verbos regulares como irregulares).

4º ESO B e 4º ESO C tedes que facer todos os exercicios da páxina 165. No caso dos exercicios 1 e 2, podedes axudarvos das páxinas 9 e 10, onde se fai referencia aos verbos con alternancia vocálica, tamén cando cambia a apertura da vogal. Nos exercicios onde vos pide que analicedes as formas verbais, quere dicir que tedes que indicar a persoa, número, tempo e modo.

SUBIREI A CORRECCIÓN DOS EXERCICIOS O LUNS 23
Preguntade todas as dúbidas que vos xurdan a través do correo electrónico

Comentarios